Monday 29 de April de 2024

O Concello colabora co Real Club de Golf da Coruña na décimo segunda edición do trofeo sénior ‘Torre de Hércules de Oro’


A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, asistiu este xoves ao acto de presentación da décimo segunda edición do trofeo sénior ‘Torre de Hércules de Oro’, que terá lugar esta fin de semana, entre o venres 1 e o sábado 2 de xullo, no Real Club de Golf da Coruña, na Zapateira.

Durante a presentación do torneo, celebrada ao pé da Torre de Hércules, Martínez puxo en valor a relevancia da competición, “un dos máis importantes en categoría sénior dos que se levan a cabo actualmente en Europa”, e subliñou o compromiso do Goberno municipal co trofeo, que conta coa colaboración do Concello da Coruña.

O campionato sénior ‘Torre de Hércules de Oro’ celebrou a súa primeira edición tras o recoñecemento da Torre de Hércules como único faro do mundo declarado como Patrimonio da Humanidade. Desde entón, erixiuse como un evento deportivo con vocación internacional, capaz de atraer aos mellores xogadores de Europa.

No acto de presentación da décimo segunda edición do torneo, que tivo lugar esta mañá, Martínez estivo acompañada por Jorge Cobián, presidente do Real Club de Golf da Coruña; Florencio Martín, director xerente do Real Club de Golf da Coruña e Patricia Aramburu, directora de Comercial Banca Privada do Banco Santander.